A Ultramar
O boletín A Ultramar foi unha publicación de carácter informativo editada na cidade da Coruña pola Oficina de relaciones con los gallegos en el exterior entre os anos 1959 e 1975. Redactado enteiramente en castelán e so a dirección de Luís Sánchez Mosquera, foi concibido após o II Congreso de la Emigración Española a Ultramar (1959) como o medio máis adecuado e eficaz para manter un «contacto permanente»[1] cos emigrantes de Galiza e as innumerábeis Asociacións, Casas e Centros Galegos estabelecidos en países Iberoamericanos. Saíron do prelo un total de 134 números. PeriodicidadeO «Boletín» tivo unha periodicidade irregular con edicións mensuais, bimestrais e trimestrais. Porén, é posíbel subdividir a súa traxectoria editorial en tres períodos[2]:
O II Congreso de la Emigración Española: xerme do «Boletín»XéneseNa década dos 50, Galiza estaba a atravesar unha situación difícil no duplo aspecto económico e social. Novamente, a cidadanía española ‒principalmente os galegos e galegas‒ vese na obriga de emigrar por razóns de diversa natureza. Os países de ultramar, aos cales aínda non chegara a deterioración nin a consecuente crise, son os principais destinatarios e receptores desa emigración. Por mor destas circunstancias e a fin de resolver o problema migratorio, xorde da man de diversos veciños coruñeses ex-residentes nos países de ultramar ‒entre eles Luis Sánchez Mosquera‒ a idea de constituíren, dentro da Asociación Cultural-Iberoamericana nos seus inicios, un Círculo de Estudios Migratorios que celebra na Coruña no ano 1954 as súas Primeras Jornadas so a dirección de Mosquera. Este grande acto público, o cal conta coa estreita colaboración do Centro Gallego de Montevideo, ten unha gran repercusión, tanto nas rexións españolas coma nos países da América latina. Alén deste acontecemento, o Círculo continúa a se xuntar regularmente, traballando a prol do estudo e procura de solucións para o problema migratorio. Non é pois de estrañar que fora nunha das súas xuntanzas no ano 1958 cando xorde a idea de celebraren en Galiza un grande Congreso da Emigración Española. A seguir, neste fragmento recóllense as conclusións que tirou Luis Sánchez Mosquera após o simposio:
Cómpre dicir que aínda que a emigración española foi o obxecto central desta convocatoria, considerouse de xeito unánime que a cuestión migratoria galega precisaba dunha lexislación especial por mor da súa grave problemática social, económica e política. De acordo coas palabras de Eugenio López López no seu relatorio «La Emigración Española a Ultramar y las peculiaridades de la Emigración Gallega y de otras regiones»:
Organización da xuntanzaO propósito deste congreso foi convocar en Galiza as personalidades máis representativas e sobresaíntes de España e Iberoamérica a prol do estudo dos problemas migratorios, co fin de exporen e resolveren conxuntamente os moitos e complexos aspectos e perspectivas desde as cales debían afrontarse todas as cuestións que atinxían directa ou indirectamente a emigración española. Para esta finalidade foi esencial a importante colaboración do Instituto Español de Emigración, do representante do Círculo de Estudios Migratorios, Eugenio López López, e do Centro Gallego de Montevideo. As seguintes palabras de Luis Sánchez Mosquera reflicten a meticulosidade canto á organización desta xuntanza:
Outrosí, após unha das sesións plenarias, acordouse crear a Comisión Permanente de los Congresos de Emigración con sede na Coruña cuxa misión era a convocatoria de posteriores xuntanzas cunha periodicidade de cinco anos. Alén diso, estabeleceuse para o futuro a súa realización en dúas fases: rexional e nacional[6]. Co fin de manter un contacto continuo coa emigración galega, inmediatamente despois de concluír o II Congreso (1959) iniciouse da man da Comisión Permanente a publicación dun Boletín Informativo chamado «A Ultramar». Relación de relatorios[7]Como se verá na sección seguinte, as cuestións presentadas nestes relatorios están estreitamente ligadas á liña temática do «Boletín».
O Boletín A UltramarEntre os anos 1959 e 1975, o «Boletín» foi un vehículo de comunicación entre Galiza e os seus emigrantes alén do océano Atlántico. Segundo as propias palabras do seu director Luis Sánchez Mosquera, a escolla do nome «Ultramar» debeuse a que «en aquellos años la emigración española se dirigía exclusivamente a los países Iberoamericanos.»[8] Para alén de se enviar a eses países, tamén se mandou aos «Centros Gallegos de Europa, Ministerios, Consulados, Centros Gallegos de España, Autoridades de Galicia y personalidades de diversos sectores de nuestra Patria.»[9] A respecto do período de actividade deste «Boletín», son significativas as datas de comezo e termo, correspondéndose coa clausura do II Congreso (1959) e a morte do Xeneral Franco (1975). Alén diso, no inicio da Transición produciuse un pico histórico canto ao número de retornados, diminuíndo o número de emigrantes de máis de 100 000 en 1964 até 12 000 no ano 1976.[10] IdeoloxíaGaliza preséntase no «Boletín» como a terra da emigración española por excelencia. Nesta imaxe converxen tanto as representacións propias da «rexión» coma as da súa poboación emigrante en ultramar. A publicación enfócase principalmente na longa tradición de asociacionismo galego nos países iberoamericanos e nas institucións e xuntanzas a prol da resolución do problema migratorio. A identidade galega que transmite nas súas páxinas fica subordinada á identidade española do réxime franquista, e isto plásmase na escolla da lingua patria conforme reproducen perfectamente as palabras do seu director Luis Sánchez Mosquera: «buenos gallegos y ejemplares españoles.»[11] Alén diso, nesa época o territorio galego relacionábase case exclusivamente coa política migratoria, os Congresos de la Emigración ―por mor da extraordinaria magnitude destes movementos de poboación en Galiza―, e a dimensión relixiosa galega grazas ás peregrinacións a Santiago de Compostela e as ofrendas ao Apóstolo no Día Nacional de Galiza[12][13]. Por outra parte, o «Boletín» evita calquera referencia a enfrontamentos políticos ou fragmentacións identitarias que ameazasen a unidade nacional. Os galegos e galegas senten o vínculo colectivo da emigración, mais non o feito de teren unha lingua propia como factor de identificación nacional. Segundo a afirmación do propio Francisco Franco: «el carácter de cada región será respetado, pero sin perjuicio para la unidad nacional, que la queremos absoluta, con una sola lengua, el castellano, y una sola personalidad, la española.»[14] Liña temática[15]O Boletín A Ultramar actuou durante todos os seus anos de actividade como voceiro de todo canto tiver relación coa emigración de Galiza[16]. Ao longo das súas páxinas presenta un percorrido polos sucesos máis salientábeis e transcendentais que influíron a sociedade española, e principalmente a galega, nun momento histórico difícil onde a única saída posíbel para moitos milleiros de persoas era deixar a terral natal e ir na busca dunha mellor fortuna. O boletín foi, por tanto, un mecanismo de unión entre todos os galegos e galegas espallados polo mundo, quen acha nas súas páxinas información moi variada de todo o que estaba a acontecer en Galiza durante a súa ausencia. Dun lado, novas canto ás actividades e inquedanzas desenvolvidas polas colectividades de emigrantes galegos repartidas por todo o mundo (e.g. Asociacións, Centros e Casas) e os acordos e lexislacións que puidesen atinxirlles, isto é, convenios da Seguridade Social no estranxeiro, sistemas de bolsas de estudos para a educación dos fillos de emigrantes e planos educativos enfocados ás posíbeis dificultades que o emigrante puidese encontrar no país receptor. Doutro lado, por medio dun Noticiario Breve[17] o boletín tamén proporcionaba información detallada sobre a actualidade da vida galega e os progresos que se estaban a facer en todos os dominios, isto é, informacións relativas a aniversarios ou admisión de novos membros na Real Academia Galega; celebracións do Día das Letras Galegas; homenaxes ou entrega de premios a personaxes ilustres comprometidos coa emigración, por exemplo Alfonso Rodríguez Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade e Eduardo Blanco Amor; concursos literarios de contos en lingua galega, e fenómenos culturais de diversa natureza como a Feira do Libro, as traducións a múltiples linguas da obra de Rosalía e o aumento do nivel de lectura e produción editorial en Galiza. O «Boletín» apoiou toda obra cultural colectiva a prol da cultura galega; por tanto, a través das conclusións dos diferentes congresos, reafírmase na necesidade de envío de libros e publicacións desde Galiza, no pedimento de subvencións que permitan traer relatores e profesores galegos, e na organización de exposicións e espectáculos colectivos de calquera clase. Malia este labor informativo/cultural, o Boletín ten un carácter fortemente social e crítico. O fenómeno migratorio ―no inicio exclusivamente na América, e na década dos 60 e 70 orientado cara a Europa, principalmente a Francia, Suíza e Alemaña―, o modo en que este atinxe as persoas e familias estabelecidas no estranxeiro, as relacións de concordia entre a nación de orixe e a destinataria, e o estudo das causas e posíbeis solucións da emigración son a chave do nexo de unión temática do Boletín. Todos estas cuestións foron tratadas nos Congresos, Jornadas de la Emigración e reunións da Federación Mundial de Sociedades Gallegas que se realizaron ao longo do período de actividade desta publicación. O Boletín encargábase, a través da publicación das respectivas actas alén de numerosos artigos e síntese dos relatorios, de manter toda a comunidade galega informada dos problemas máis urxentes e os logros conseguidos a respecto dos temas debatidos. Canto ás cuestións máis problemáticas, discútese a necesidade de reestruturar a economía de Galiza para que os galegos e galegas poidan traballar as súas propias terras no canto de enriqueceren as alleas. Tamén se analiza a constitución da sociedade Sodiga co fin de impulsar o desenvolvemento industrial rexional do cal carecía Galiza. Reivindícase unha reestruturación municipal a cal, co consecuente equilibrio do poboamento entre as zonas rurais e urbanas, axudaría a reactivar a economía galega, resolvendo así unha das principais causas migratorias; tamén se demandan facilidades á explotación mineira e gandeira alén de protección á industria da pesca para mitigar o desemprego estacional. Por outra parte, no relativo aos problemas médicos dos emigrantes en Europa, reclámaselle ao Estado español unha mellor orientación integral previa á viaxe co fin de evitar obstáculos lingüísticos que fan imposíbel unha boa comunicación médico-paciente no estranxeiro. Nesta orientación inclúese a necesidade de os emigrantes posuíren uns coñecementos mínimos do país destinatario así como unha suficiente preparación psicolóxica para afrontaren esa difícil transición. En relación a este último punto estúdase tamén o elevado grao de frustración ―social, afectiva, intelectual e laboral― que senten os emigrantes nos seus novos fogares por mor do illamento, as dificultades de relación e as privacións e o aforro até os límites do sufrimento, coa incerteza dun retorno despois de atinxiren unha posición económica desafogada. Estes aspectos de marxinación ou de frustración non eran tan notábeis cando a onda migratoria dirixíase aos países iberoamericanos; porén, ao se encamiñar anos despois cara aos países industrializados da Europa occidental, estas cuestións alcanzaron unha extrema gravidade. Sen dúbida «Los emigrantes son los nuevos ricos del pueblo y ricos también en amargura»[18] Para concluír este percorrido, dicir que na etapa final do Boletín e por mor da paulatina mudanza lexislativa canto ao uso das «linguas nativas», a publicación comeza a facer fincapé no arranque da ensinanza preescolar e básica da «lingua vernácula» así como na necesidade do emprego conxunto do castelán e o galego na educación. Alén diso, difúndense tamén algúns artigos de Blanco Amor e Valentín Paz-Andrade redixidos na lingua propia. Outrosí, por ocasión da II Reunión de Estudios Regionales examínase a importante función do galego na base e o desenvolvemento da cultura brasileira, desvelando por medio da súa lingua compartida ―o galego-portugués― semellanzas que non foran estudadas nin tomadas en consideración con anterioridade. Notas
Véxase taménBibliografía
Ligazóns externas
|