Abruñeiro dos xardíns
O abruñeiro dos xardíns[1] (Prunus cerasifera) , é unha especie botánica do xénero Prunus e do subxénero Prunus nativa de Europa central e leste, e Asia suroeste e central. O nome latino lembra que é da familia da cerdeira aínda que o seu valor sexa ornamental. É común na xardinaxe galega, especialmente en parques públicos pola súa floración primaveral epolo ton avermellado das súas follas en primavera e verán. DescriciónÉ unha pequena árbore que pode acadar os 6-7 metros. Posúe unha copa ampla e arredondada. A folla é caduca de 4–6 cm de longo, de cor vermella cando nace que torna púrpura escura e fica na árbore até case a fin do outono. As follas son simples, alternas ovadas ou elípticas, co bordo serrado; os ápices agudos, glabras, agás o nervio central no envés. As pólas son tamén avermelladas. As flores son de cor rosada de 1,5 a 2 cm de diámetro, que torna branca ao abrir. Saen antes que as follas no mes de marzo. Teñen cinco pétalos e moitos estames. É unha das primeiras árbores europeas en florear na primavera. O froito é unha drupa, moi semellante á cereixa ou un abruño, de 2 a 3 cm de diámetro e de cor amarela ou avermellada. Son comestíbeis cando acadan a madurez a comezos do outono. Os rabiños teñen propiedades diuréticas. Cultivo e usosA froito pode comerse fresco de varios xeitos. Unhas variedades dan froitos doces e de bo sabor, mentres outras dan abruños acedos, mais que son excelentes para facer marmeladas. É moi popular coma árbore ornamental de xardín, e pola súa moi ceda floración. Desenvolvéronse numerosos cultivares, moitos pola follaxe purpúrea e as flores rosadas, coma Prunus cerasifera 'Pissardii' e 'Nigra'. Estas formas de follaxe purpúrea tamén dan froitos púrpura escuros, cos que se fan xeleas atractivas, e intensamente coloreadas. Outras, coma 'Lindsayae', teñen flores rosa pálidas e follaxe verde. Multiplícase por semente e por esgallo; tamén as variedades por medio do enxerto. Dáse en diferentes climas: cálidos e fríos. Vexeta ben en solos calcarios e pobre, pero con humidade de abondo. Cómpre diferenciar esta especie do mirabeleiro (Prunus domestica var. syriaca). CrenzasSegundo as lendas e supersticións eslavas esta árbore é bastante mal considerada. Os demos xermanos aparecen nas cerdeiras metendo en problemas a quen ousaba tocalos. Con labras de cerdeira os eslavos tentaban saber se unha persoa tiña lombrigas. Arroxábanas á auga, se afundían era proba da existencia destes seres diabólicos no corpo humano. Os albaneses queiman pólas desta cerdeira nas noites consagradas ao novo sol, gardan as cinsas e fecundan con elas as vides. Ás veces as pólas do abruñeiro son colocadas nas portas das noivas a noite do primeiro de maio. Na campiña italiana aconséllase non comer cereixas cos ricos[2]. TaxonomíaPrunus cerasifera foi descrita por Jakob Friedrich Ehrhart e publicado en Gartenkalender 4: 192–193, no ano 1784.[3] Prunus, é o nome latino do abruñeiro. Cerasifera, epíteto derivado de Cerasus, cerdeira e fer = ter. Que ten ou produce cereixas, aludindo aos pequenos abruños. Nalgunhas linguas, como o castelán ou o inglés recibe o nome de cerdeira-ameixeira.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigosLigazóns externas
|