Batalla de Sekigahara
A batalla de Sekigahara (関ヶ原の戦い, Sekigahara no tatakai) foi unha batalla decisiva na historia do Xapón que tivo lugar o 21 de outubro de 1600[1] (Keichō 5, décimo quinto día do noveno mes segundo o antigo calendario)[4] en Sekigahara (actual prefectura de Gifu). Durante este conflito enfrontáronse os exércitos das dúas principais faccións do país: os seguidores de Toyotomi Hideyori (Exército do Oeste) e os de Tokugawa Ieyasu (Exército do Leste). Había quen consideraba que Toyotomi Hideyori, fillo de Toyotomi Hideyoshi, un dos grandes unificadores do Xapón, era quen tiña que converterse no dirixente do país; tamén había os que daban o seu apoio a Tokugawa Ieyasu, un dos daimios ou señores feudais máis prominentes do país, para que se convertese no dirixente. A vitoria do «Exército do Leste» de Ieyasu fíxolle pasar á historia como o «derradeiro dos grandes unificadores do Xapón» xunto con Oda Nobunaga e Toyotomi Hideyoshi.[5] Ademais, despexou o camiño para que obtivese o de título shogun, a máxima autoridade política e militar do Xapón daquela. Como resultado da batalla, estabeleceuse o shogunato Tokugawa, o derradeiro shogunato da historia, que se estendería durante máis de 250 anos á fronte do goberno.[6] A importancia desta batalla, que foi o derradeiro episodio de toda unha campaña militar, reside en que permitiu rematar cunha época de constantes conflitos e loites internas. Posteriormente, estabeleceríase unha paz case absoluta ó longo e amplo do arquipélago, só interrompida por revoltas menores, que duraría até o retorno do emperador do Xapón como máxima autoridade durante a Restauración Meiji (1866-1869). Malia que non se soubo con exactitude a cifra dos soldados presentes no campo de batalla, a maioría dos especialistas aseguran que aquel día se deron cita entre 170 000 e 200 000 guerreiros, e mesmo algúns afirman que esta batalla foi a meirande ocorrida en chan xaponés en toda a súa historia.[2][7] Notas
|