Frenoloxía
A frenoloxía (do grego: φρήν, fren, "mente"; e λόγος, logos, "coñecemento") é unha antiga teoría que afirmaba a posible determinación do carácter e os trazos da personalidade, así como as tendencias criminais, baseándose na forma do cranio, cabeza e faccións. Desenvolvida arredor do 1800 polo neuroanatomista alemán Franz Joseph Gall[2] e extremadamente popular durante o século XIX; hoxe en día é considerada unha pseudociencia. Non obstante, mereceu certo mérito como protociencia pola súa contribución á ciencia médica coa súa idea de que o cerebro é o órgano da mente, e que certas áreas albergan funcións especificamente localizadas. A frenoloxía foi popularizada na Inglaterra vitoriana polo avogado escocés George Combe o cal chegou a fundar a sociedade frenolóxica de Edimburgo. Combe reuniu os postulados do doutor Gall na obra A System of Phrenology (1830). Dita obra contiña ideas polémicas da frenoloxía que reafirmaban o racismo imperante da época. Como se pode ler nalgunhas pasaxes [1] [2]: Sobre a localización do desexo sexual no cerebro: "O doutor Gall descubriu a función deste órgano tal como segue: Era o médico dunha viúva de carácter irreprochable a cal estaba afectada por uns problemas nerviosos que a conducían a un estado severo de ninfomanía. Na violencia dos seus ataques, o doutor suxeitou a súa cabeza e sorprendeuse polo longo tamaño do pescozo e a calor que desprendía. Mediante posteriores observacións investigou a idea que lle suxeriu este suceso e chegou á súa conclusión final." Sobre a inferioridade da raza amerindia: “O aspecto dos nativos americanos é aínda máis deplorable. Envolvidos durante séculos polo coñecemento, emprendemento, enerxía e a incitación á mellora polas institucións europeas, permanecen, no tempo presente, tan miserables, nómades, sen fogar e sen lei como o eran os seus devanceiros cando Colón puxo pé no seu chan.” A pesar do interese de Combe e outros estudosos da frenoloxía en agrandar o seu prestixio como suposta ciencia esta nunca chegou a ter consideración nas contornas universitarias (xeralmente compostos de persoas de clase alta) sendo obxecto de interese entre cidadáns de clase máis modesta. Os seus principios establecían que o cerebro é o órgano da mente, e que este posúe un conxunto de facultades mentais; cada unha representada particularmente por unha parte diferente ou "órgano" do cerebro. Estas áreas eran consideradas proporcionais ás propensións individuais da persoa e das súas facultades mentais. As diferenzas entre as distintas áreas estaría reflectida na forma exterior do cranio. A frenoloxía, que se ocupa da personalidade e o carácter, difire da craneometría (o estudo do peso, tamaño e forma do cranio), así como da fisiognomía (estudo dos trazos faciais). Todas estas disciplinas aseguran predicir condutas ou capacidades intelectuais, e nun tempo foron practicadas intensamente no campo da antropoloxía/etnografía e ás veces utilizadas para xustificar "cientificamente" o sexismo, mais a premisa básica de que a personalidade está determinada pola forma do cranio é considerada falsa por case todo o mundo. Notas
Véxase tamén
|