O Rosal
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: O Rosal (homónimos).
O Rosal é un concello situado ó suroeste da provincia de Pontevedra. Pertence á comarca do Baixo Miño, situándose á beira da desembocadura do río Miño. Limita polo sur coa Guarda, polo norte con Oia e polo nordeste con Tomiño. O seu xentilicio é rosaleiro. PoboaciónSegundo o IGE, no 2014 tiña unha poboación de 6.455 habitantes.
Trazos económicosA súa economía é eminentemente agrícola, forestal e gandeira (pastos), con algo de pesca de baixura. Son afamados os seus viños, que pertencen á Denominación de Orixe Rías Baixas e forman parte da "Feira do Viño do Rosal" (declarada de interese turístico no 2016). EtimoloxíaO nome da vila procede de Roçal, forma derivada do verbo ruptiare, que no latín serodio significaba 'romper', no sentido de axeitar unha terra para o cultivo, e que evolucionou ao moderno 'rozar', limpar de maleza a terra. A escrita moderna Rosal é o resultado dunha grafía non consciente do seseo propio da fala local, no canto do esperable Rozal, sen prexuízo da pronuncia con /s/.[1] Malia que en Galicia a rosa cultívase de vello, a vinculación tradicional do nome deste concello coa flor[2] non é etimolóxica, senón que responde á coincidencia entre o topónimo deturpado e o termo castelán para designar a roseira. HistoriaAtopáronse vestixios paleolíticos, que inclúen pinturas rupestres, e da Idade de Bronce. A cultura castrexa estivo moi presente nesta zona. Durante a Idade Media pertenceu ó Mosteiro de Santa María de Oia, da orde Cisterciense. O concello constituíuse en 1847, independizándose do da Guarda. En 1879 o rei Afonso XII outorgoulle o título de vila. PatrimonioOs muíños do Folón e do Picón é un conxunto de 36 muíños do século XVIII situados nos ríos Folón e Picón, todos eles restaurados e mesmo algún en funcionamento. Preto do lugar atópanse a ermida de San Martiño e as fervenzas do río Folón e do río da Cal. Pódense visitar percorrendo a ruta homologada de sendeirismo PR-G 94, ruta circular de 3'5 km con principio e fin xunto ó Muíño da Ponte das Penas. O monumento ao cabaqueiro lembra os telleiros da vila, que crearon a xerga denominada latín dos cabaqueiros. A casa consistorial ocupa un pazo do século XVIII. TurismoCada ano, na terceira fin de semana do mes de xullo, celébrase a Feira do Viño do Rosal, que ten como atractivo principal o viño branco desta subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas. O Rosal ten dúas rutas de sendeirismo homologadas: o PR-G 94 Rota dos Muíños do Folón e do Picón e o PR-G 112 Sendeiro de Pescadores Río Miño - Tamuxe. A primeira goza das paisaxes do BIC dos muíños do Folón e de Picón; a segunda das panorámicas do estuario do río Miño e do final do río Tamuxe. O Rosal posúe un Centro de Interpretación dos Oficios, cun apartado moi especial para o oficio dos cabaqueiros. No muíño das Aceñas o concello do Rosal dispón dunha aula da natureza que serve de centro de interpretación da contorna. Está situado xunto a unha área recreativa natural, na beira do río Tamuxe. Alcaldes
Colexios
Deporte
Música
Galería de imaxes
Parroquias
Lugares do RosalPara unha lista completa de todos os lugares do concello do Rosal vexa: Lugares do Rosal. Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|