Relixión
A palabra relixión, ás veces empregada como sinónimo de fe ou sistema de crenzas, defínese comunmente como crenza concernente ao sobrenatural, sagrado, ou divino e aos códigos morais, prácticas, rituais, valores e institucións relacionadas coa devandita crenza. Nalgunhas ocasións, a palabra relixión úsase para designar o que debería ser chamado "relixión organizada" ou "organización relixiosa", ou sexa, organizacións que soportan o exercicio de certas relixións, frecuentemente baixo a forma de entidades legais. EtimoloxíaA palabra "relixión" provén do latín religio, que á súa vez se definiu como "reverencia por Deus ou os deuses, unha meditación coidadosa das cousas e da piedade".[1] Historicamente foron propostas varias etimoloxías para a orixe do termo latino de religio. Cicerón, na súa obra De natura deorum (45 a.C.), afirma que o termo se refire a relegere, "reler", posto que era característico que as persoas relixiosas prestasen moita atención a todo o que se relacionaba cos deuses, relendo as escrituras.[2] Esta postura etimolóxica subliña o carácter repetitivo do fenómeno relixioso, sobre todo como aspecto intelectual. Posteriormente, Lactanci (século III dC) rexeita a interpretación de Cicerón e afirma que o termo provén de religare, "religar", argumentando que a relixión é un vencello de piedade que serve para religar os homes con Deus. No seu libro A Cidade de Deus, Santo Agostiño (século IV), afirma que religio deriva de religere, "reelixir"; por medio da relixión, a humanidade reelixía outra vez a Deus, posto que se separou. Posteriormente, na súa obra A relixión verdadeira, Agostiño retoma a interpretación de Lactanci e o seu concepto de "religar". Finalmente, Macrobi (século IV) considera que "relixión" deriva de relinquere, algo que nos foi deixado polos antergos. A palabra "relixión" foi empregada durante moitos séculos no contexto cultural de Europa, marcado pola presenza do cristianismo que se apropiou do termo latino de religio. Noutras culturas non existe ningunha palabra equivalente. O hinduísmo antigo facía uso da palabra rita que facía referencia a unha orde cósmica do mundo, dentro do cal todos os seres humanos tiñan que estar harmonizados e á correcta execución dos ritos dos brahmáns. Máis tarde, o termo foi substituído polo de dharma, que actualmente tamén é empregado polo budismo e que expresa a idea dunha lei divina e eterna. Definición de "relixión"A relixión pode definirse de moitos xeitos:
O dicionario da Real Academia Galega define relixión coma "o conxunto de crenzas e prácticas que atinxe ás relacións coa divindade, propio dun grupo social".[3] A maioría das relixións intentan responder a preguntas relacionadas coa creación do universo, o propósito da vida, a natureza humana, a diferenciación entre o ben e o mal, a moral, a existencia logo da morte (Ceo, nirvana, purgatorio, inferno, reencarnación) etc. As relixións difiren nas respostas que dan ás preguntas anteriores, o sistema de preceptos, as prácticas ou rituais, o número de deuses ou deidades e a estrutura organizacional. Definición académica ou científicaOs sociólogos e antropólogos ven a relixión como un conxunto abstracto de ideas, valores ou experiencias desenvolvidas a partir dunha matriz cultural. Por exemplo, na Natureza da Doutrina, de Lindbeck, a relixión non se refire á crenza en "Deus" ou nun Absoluto transcendental: Lindbeck defínea como "unha estrutura ou medio cultural e/ou lingüístico que estrutura completamente a vida e o pensamento e que, coma se fose un idioma, permite a descrición das realidades, a formulación das crenzas e a experimentación de sensacións e sentimentos íntimos."[4] Segundo esta definición, a relixión é unha visión esencial que se ten do mundo que rexe os pensamentos e mailas accións persoais. Outros estudosos propoñen unha definición que evita o reducionismo das diversas disciplinas sociolóxicas e psicolóxicas, que reducen a relixión aos seus factores integrantes. A relixión pode ser definida como a crenza naquilo que se recoñece como sacro ou santo. Por exemplo, no libro The Idea of the Holy ("A idea da Santidade") de Rudolf Otto, escrito en 1917, defínese a esencia da conciencia relixiosa como unha combinación específica entre medo e fascinación ante o divino. Friedrich Shleiermacher, no final do século XIX, definiu a relixión como un "sentimento de dependencia absoluta". Do punto de vista científico, definir a relixión é aínda máis complicado, posto que os procesos psicolóxicos non sempre corresponden coa realidade observable; ou sexa, o científico ten que entender o comportamento relixioso non como mito máis ben ten que estudar por que os seres humanos fan e pensan dunha maneira determinada.[5] Dende o punto de vista económico, a relixión é un comportamento racional -malia relacionarse o home con actores e/ou procesos non observables- posto que se experimenta recompensas sociais e materiais na súa participación das actividades relixiosas.[6] Dende o punto de vista psicolóxico, a relixión explícase como unha maneira de resolver a necesidade de prover consolo, unha figura paternal e de explicar as cousas difíciles de entender, entre elas a morte.[5] Definición en clave antropolóxicaSegundo Anthony F. C. Wallace[7] e Olivier Herrenschmidt, [8] a relixión é unha actividade social que pon en evidencia a existencia de crenzas en seres ou realidades sobrenaturais, esta actividade declárase mediante prácticas rituais que teñen como obxectivo establecer relacións entre os participantes e aquelas forzas sacras. As crenzas teñen como obxecto da súa fe potencias ou seres divinos e transcendentes, e as prácticas rituais que substantiven esta relación son radicalmente diferentes outros comportamentos sociais: son estritamente formais (estilizadas, repetitivas e estereotipadas), e a diferenza dunha representación, os participantes tómano coa plena seriedade de ter a crenza de estar a facer algo representativo.[7] Bronislaw Malinowski[9] advirte que fai falla non confundir a relixión coa maxia. Dende a cultura do home primitivo, relixión e maxia xa tiñan funcións diferentes: a maxia é práctica, técnica, de crenza sinxela, primordial, medio por un fin, nas mans de especialistas con escuras iniciacións e con resultados inmediatos, mentres que a relixión non amosa unha utilidade directa nin se aprehende con esconxuros, o mundo sobrenatural a que fai referencia é complexo e integra a vida futura nunha cosmogonía teleolóxica, é un fin moral en si, é un asunto de todos e se concelebra en comunidade e a súa función última apunta a establecer, fixar e intensificar actitudes que cohesionen á sociedade.[9] Igualmente propoñen de fuxir de certas trampas que unha visión euro ou cristián-céntrica pode parar, rexeitando asignar á relixión ideas por exemplo: só os homes, e non os animais, teñen alma; existe unha separación absoluta entre aquilo profano e aquilo sacro; o monoteísmo é o modelo ou meta, sendo o politeísmo residual; e afastarse, finalmente, de certa fenomenoloxía da relixión, que pretende que as relixións non son senón o fenómeno dunha esencia incognoscible.[8] Dada a universalidade da súa expresión, non se pode falar de relixión, senón de relixións, cunha concreción histórica definida. Esta existencia historicamente definida permite falar de diferentes roles da relixión: dende aquel que permitiu ao home primitivo adaptarse á aterradora realidade reflexiva que o enfrontou coa súa propia morte até o de ser ferramenta de control social ou de creación de comunidade social, ou o de actuar como unha ferramenta de ecoloxía, despois de que adaptación cultural a un ambiente rudo ou cambiante, ou un instrumento de cambio social, tanto se for de progreso como se for de regresión.[7] Cada unha destas funcións vén enmarcada nun discurso relixioso; un discurso que establece unha relación entre o coñecemento incorporado ao discurso e o poder da súa posesión. Este discurso ten unha dependencia coa organización social onde se desenvolve,[8] de tal maneira que determinados tipo de sociedade tenderán a xerar un tipo de relixión, o discurso da cal, no seu sentido axiolóxico e pedagóxico, quererá instaurar intencionadamente un determinado sentido da existencia e da realidade.[8] Finalmente tense que ter en conta a existencia de dúas formas de entender a relación relixiosa co obxecto de culto: a mediata e a inmediata. A relación inmediata, menos atractiva polo antropólogo, está baseada na unión mística do crente coa divindade. A relación mediata, que é a base da práctica colectiva e ordinaria, está baseada na existencia dun intermediario. Definicións das relixións mesmasAs definicións sobre relixión que proveñen das relixións mesmas tamén son variadas. O cristianismo, no Novo Testamento define a relixión como actividade: "ter cura dos orfos e das viúvas nas súas necesidades, e gardarse da contaminación mundana."[10] Segundo o Corán, a relixión é o islam mesmo,[11] ou sexa, a submisión do individuo a Deus (Alá).[12] Clasificación
As relixións adóitanse clasificar nestes catro grupos principais, Conceptual e historicamente, a primeira relixión é o animismo, que é a noción consubstancial coa alma humana, segundo a cal todo o resto dos obxectos da natureza teñen igualmente unha alma homologable a esta. A crenza nas "forzas da natureza", propia do animismo, cristaliza na divinización destas, ou sexa, no teísmo, que emprega o concepto de Deus, quer en plural politeísmo ou en singular monoteísmo. Doutra banda, o conxunto de teoría e práctica do animismo evolucionou até dar lugar a crenzas moito máis estruturadas, como é o caso do xintoísmo xaponés, ou ás relixións-filosofías, das cales destacan o hinduísmo e mailo budismo. Finalmente, outro pensamento relixioso, presente dende a antigüidade grega, é xustamente a negación da posibilidade de amosar tanto a existencia dunha realidade sobrenatural como a súa inexistencia: o agnosticismo; ou ben a súa negación absoluta: o ateísmo. DemografíaDende o final do século XIX e en especial dende a segunda metade do século XX, o papel da relixión, así como o seu número relativo de adherentes, alterouse profundamente. Algúns países, a tradición relixiosa dos cales estaba vencellada co cristianismo, en especial os países de Europa, experimentaron un declive significativo no sentimento e na práctica relixiosa, así como no número de persoas que escollen levar unha vida monástica ou sacerdotal. Pola contra, nos Estados Unidos, a América Latina e na África subsahariana, a relixión aínda ten un papel importante na vida social, malia medrar o número de persoas sen relixión ningunha. Na América Latina observouse que se ben o catolicismo aínda é a relixión maioritaria, o protestantismo ten un crecemento acelerado, mentres que os católicos crecen a taxas inferiores ás do crecemento da poboación. Relixións por número de adherentesAs tradicións relixiosas pódense clasificar segundo a relixión comparativa de acordo coa súa orixe histórica e a súa influencia mutua:
Distribución xeográfica das relixiónsAs relixións, entendidas como parte intrínseca das culturas e civilizacións, en particular como concepción social e de grupo, presentan unha xeografía e fronteiras claras. Con todo, debido aos procesos históricos dos últimos dous séculos, da globalización e o fenómeno migratorio mundial -primeiramente de Europa para o Novo Mundo e na actualidade dos países en vías de desenvolvemento para os países desenvolvidos-, a maioría dos Estados contemporáneos, exceptuando a maioría dos Estados islámicos, presentan unha variedade multicultural e á vez multirelixiosa na súa composición demográfica, coa presenza de numerosas relixións minoritarias. Con todo, frecuentemente a relixión histórica do país continúa a ser maioritaria. De maneira xeral, o cristianismo é a relixión maioritaria dos Estados europeos e americanos -o protestantismo nas rexións setentrionais de ambos os continentes, e o catolicismo nas rexións meridionais, agás a Europa oriental, onde o cristianismo ortodoxo é maioritario, e de Suriname, onde as relixións indias son maioritarias. Na África do Norte, o Oriente Próximo e Indonesia, a islam é a relixión maioritaria e frecuentemente a relixión de Estado, agás no caso de Israel, onde o xudaísmo é a relixión de Estado e maioritaria. Na África subsahariana o cristianismo é maioritario, malia a presenza de relixións tribais ser considerable. O budismo, o xintoísmo, o confucianismo, así como outras relixións chinesas, son maioritarias nos diversos estados do leste de Asia, mentres que na India, hai numerosas relixións autóctonas. Posturas relixiosasNalgunhas ocasións é importante distinguir entre "relixión" e "postura relixiosa". Sendo a relixión un sistema de crenzas, preceptos, prácticas e rituais, unha postura relixiosa refírese á forma en que un individuo se identifica fronte a unha ou varias relixións. As principais posturas relixiosas inclúen os crentes, os panteístas, os universalistas, os ateos, os agnósticos e os indiferentes.
RelixiónsTendo en conta o número de deuses, as relixións e crenzas divídense primariamente en monoteístas e politeístas. A clasificación falla ao considerar moitos casos, xa que existen relixións non teístas e a diferenza entre deidades menores de certos politeísmos e os intercedentes dalgúns monoteísmos (p.ex. os santos do catolicismo) é nalgunhas ocasións difusa.
Outra división que se utiliza consiste en falar de relixións "reveladas", "místicas" e "naturistas":
PseudorrelixiónsUnha pseudorrelixión é un conxunto de ritos e preceptos similares a unha relixión pero no cal os seus mesmos seguidores non cren realmente. Ás veces, o termo pseudorrelixión tamén se utiliza pexorativamente para se referir a sistemas de crenzas ou filosofías menores, pero con funcionalidade similar ás da práctica relixiosa das relixións principais, por exemplo, o discordianismo e o pastafarismo. As relixións en EuropaA visión orientalNo Oriente, a partir dos séculos VII e VI a. de C., empézanse a rexistrar sistemas filosóficos (budismo, taoísmo, confucianismo) que substituían a Deus (ou aos deuses) por conceptos non teísticos, os cales chegaron aos nosos días, con centenas de millóns de adeptos espallados por varios países dos mundo. No extremo oriente (a China, o Xapón e a India) foron desenvolvidos complexos conceptos filosóficos non teísticos, os cales, co tempo, mesturáronse coas tradicións das relixións politeístas que estaban profundamente enraizadas no espírito do pobo.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos |