A Volta Ciclista a España (castelán: Vuelta Ciclista a España), comunmente chamada Volta a España ou A Volta (castelán: La Vuelta), é unha competición ciclista anual, que se disputa por etapas ó longo de 3 semanas, principalmente por estradas españolas. A primeira edición tivo lugar no ano 1935, sendo Roberto Heras o ciclista máis laureado, con 4 vitorias na clasificación xeral por tempos, seguido de Tony Rominger e Alberto Contador, con 3.
A Volta a España xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia, son as únicas carreiras de tres semanas do calendario da UCI, recibindo o sobrenome de "as tres grandes". Durante moito tempo a carreira española era a primeira das tres en disputarse, pero no ano 1995 cambiou de datas para instalarse entre finais do mes de agosto e comezos de setembro. Este cambio viu acompañado tamén dunhas novas propostas no deseño das etapas, buscando distancias máis curtas e espectaculares. O vixente gañador é o esloveno Primož Roglič.
Historia
A Vuelta Ciclista a España iniciouse no ano 1935 e tivo unha duración de 14 etapas e 3.431 km, grazas a Clemente López Doriga (en colaboración con Juan Pujol). Pouco despois, só tras terse disputado dúas Vueltas, houbo de suspenderse pola guerra civil española.
Nun principio, os participantes eran fundamentalmente españois; arredor dos anos 60-80 comezou a adquirir prestixio internacional. Nos últimos anos, a súa importancia diminuíu.
A Vuelta de 2005 viuse afectado polo escándalo da dopaxe. O seu gañador, Roberto Heras, foi desposuído do seu título en favor de Denis Menchov, xa que deu positivo nun control de EPO.
Organizadores
A primeira edición foi organizada polo desaparecido xornal Informaciones. A partir de 1945 foi o xornal Ya o que se fixo cargo da organización da carreira. O xornal El Correo tomou o relevo en 1955 até finais dos anos 70. A empresa de publicidade Unipublic é a organizadora da carreira dende 1979.
Informaciones (1935-1944)
Ya (1945-1954)
El Correo (1955-1978)
Unipublic (1979-...)
Xerseis
Para facilitar o recoñecemento dos líderes das diversas clasificacións da carreira dentro do pelotón de ciclistas, estes levan uns xerseis dunhas cores determinadas, do mesmo xeito que nas outras grandes voltas: Tour de Francia (maillot amarelo) e Giro de Italia (maglia rosa).
No caso da Vuelta a España, estes son os xerseis que dende o ano 2010 distinguen ós líderes das distintas clasificacións:
Xersei vermello: vestido polo líder da clasificación xeral por tempos.
Xersei de puntos azuis: vestido polo líder da clasificación de escaladores.
Xersei verde: vestido polo líder da clasificación por puntos.
Xersei branco: vestido polo líder da clasificación combinada.