Azawad
Azawad[1][2] (tuareg: ⴰⵣⴰⵓⴷ[3], árabe: أزواد, francés: Azaouad ou Azaouâd[4]) foi un estado non recoñecido de curta duración que declarou unilateralmente a súa independencia despois do conflito no que o MNLA (Movemento Nacional de Liberación de Azawad) xunto con outros grupos derrotaron á Armada de Malí no 2012. O territorio reclamado comprendía as rexións de Tombouctou, Kidal, Gao e Mopti, todas as cales eran recoñecidas internacionalmente como parte de Malí.[5] O territorio controlado por Azawad limitaba con Malí e Burkina Faso polo sur, Mauritania polo oeste, Alxeria polo norte, e Níxer polo leste. Inicialmente os seus esforzos foron apoiados por varios grupos islamistas. Gao era a meirande cidade do seu territorio e serviu temporalmente como capital,[6] mentres que Tombouctou, que é a segunda cidade en tamaño, era a pretendida capital das forzas independentistas.[7] O 6 de abril de 2012, nun comunicado publicado na súa páxina web, o National Movement for the Liberation of Azawad, que era quen controlaba a rexión, declarou a "irrevogable" independencia de Azawad de Malí. O anuncio non foi apoiado por ningunha entidade estranxeira. O 26 de maio dese ano, o MNLA e o seu antigo inimigo Ansar Dine anunciaron un pacto no que se fusionarían para formar un estado islámico baixo a lei da xaria.[8] Algunhas fontes posteriores indicaron que o MNLA decidira rachar co pacto, distanciándose de Ansar Dine.[9][10] Ansar Dine declarou máis tarde que rexeitaba a idea da independencia de Azawad.[11] Despois do colapso deste acordo efémero, o MNLA e Ansar Dine continuaron a loitar entre eles,[12] culminando na Batalla de Gao o 27 de xuño, no que os grupos islamistas "Movemento pola Unidade da Xihad en África Occidental" e Ansar Dine tomaron o control da cidade. O día seguinte, Ansar Dine anunciou que tiña o control de tódalas cidades do norte de Malío, poñendo fin ó estado.[13] O 14 de febreiro de 2013, o MNLA renunciou o seu obxectivo da independencia para Azawad e expresou o seu desexo de comezar negociacións co goberno de Malí sobre o seu status futuro.[14][15] Notas
Véxase tamén
Bibliografía
|