Cuartel de San Fernando de Pontevedra
O antigo Cuartel de San Fernando de Pontevedra,[3] é un grande edificio neoclásico de principios do século XX situado no centro da cidade, diante dos xardíns do doutor Marescot e moi preto da Alameda de Pontevedra. O actual cuartel de San Fernando ten a súa orixe na Real Casa da Maestranza, edificada entre 1665 e 1668 por Íñigo Melchor Fernández de Velasco. Este edificio foi inicialmente un cuartel destinado a acoller a soldados en tránsito durante a guerra con Portugal. En 1719, durante a invasión inglesa, sufriu graves danos e, tras reparacións menores, o Concello de Pontevedra solicitou a súa reconstrución en 1738 baixo a dirección do enxeñeiro Antonio Flobert. Durante os séculos XVIII e XIX, o cuartel albergou diversos rexementos e serviu como hospital militar. Denominado Cuartel de San Fernando no século XIX, a súa deterioración levou á decisión de demolelo e construír un novo edificio a finais dese século. A obra, deseñada por Bonifacio Menéndez Conde, comezou en 1906 e concluíu en 1909. Este novo cuartel albergou unidades militares ata 1992, cando foi adquirido polo Concello de Pontevedra. O edificio foi remodelado e a finais de 1994 pasou a ser a sede da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. HistoriaA Casa Real da MaestranzaA Casa Real da Maestranza (antecedente do actual cuartel de San Fernando) mandouna levantar no século XVII Íñigo Melchor Fernández de Velasco, condestábel de Castela e León e Capitán Xeral de Galicia entre 1665 e 1668.[4] Construíuse con pedra procedente da demolición de casas do barrio da Moureira, que quedaran abandonadas a finais do século anterior. Tratábase dun edificio dunha soa planta con catro ás e un gran patio central, cuxa función inicial era albergar os soldados en tránsito durante a guerra con Portugal (1640-1668).[5] Durante a Guerra da Cuádrupla Alianza[6], tras o apoio da coroa aos Xacobitas, a invasión inglesa de 1719 dirixida polo xeneral Philip Honywood arruinou o edificio, que naquela época se utilizaba como almacén de armas antigas, granadas, bombas, pólvora e algunhas pezas de artillaría fundidas.[7] Tras a invasión leváronse a cabo pequenas obras de consolidación, como a reparación dos tellados. O edificio quedou tan danado que os soldados tiveron que ser aloxados en diferentes cuarteis da cidade.[8] Nas diferentes versións inglesas dos feitos estes aparecen relatados da seguinte forma:
Na versión española dos feitos Relación del sitio del puerto de Vigo ejecutado por los ingleses, el año de 1719[11] Manuel de Villegas y Piñateli cita o seguinte da Maestranza:
O segundo cuartelO concello de Pontevedra solicitoulle á monarquía borbónica a reconstrución da Real Maestranza. Os trámites para a reconstrución do cuartel iniciáronse coa orde do intendente Francisco Salvador de Pineda, para aloxar na cidade un escuadrón de cabalería do rexemento de Montesa.[8] O ministro da Guerra, o duque de Montemar, encargoulle ao enxeñeiro militar Antonio Federico Grondeau de Flobert a elaboración dos planos do novo edificio, que se conservan no Arquivo Xeral de Simancas.[5] A Real Maestranza comezou a reconstruírse no ano 1738. A construción deseñada por Antonio Flobert aproveitou os muros do cuartel anterior e a heráldica.[12] O cuartel recibiu o nome de cuartel de San Domingos,[13] por estar a carón das convento de San Domingos, e posteriormente reformouse e ampliouse. En 1790 o cuartel funcionou como Hospital de Inválidos do Exército. Desde finais do século XVIII, o Rexemento de Infantaría da Princesa tivo a súa base neste cuartel. En 1807 estaba dirixido polo Conde de San Román.[5] O cuartel utilizouse como fábrica de armas durante a Guerra da Independencia española. O 2 de maio de 1845 ordenouse que todas as armas pertencentes á Maestranza de Pontevedra fosen trasladadas á Maestranza da Coruña.[14] Ademais de Cuartel de San Domingos, o cuartel tivo tamén os nomes de Cuartel de Cabalería e Cuartel da Vila de Pontevedra ata que na segunda metade do século XIX recibiu o nome actual de cuartel de San Fernando.[15] Cítase como "Casa Real de la Maestranza" en plano de 1739 conservado no Arquivo de Simancas[16]pode verse a segunda reconstrución polo enxeñeiro Antonio Federico Grondeau de Flobert. Figura o edificio rectangular con dúas alturas na súa fachada sueste.
Como "Cuartel de la Villa de Pontevedra" dedicado ao I Duque de Montemar José Carrillo de Albornoz, en data de 1739 consérvanse no Arquivo de Simancas[17] dúas perspectivas coa reconstrución do cuartel e detalles de como se atopaba tras o ataque inglés de 1719 e o estado nese momento.
Os dous escudos que representa nas caras noroeste e sueste consérvanse nas ruínas do convento de San Domingos, o primeiro co escudo de España co Vélaro de Ouro e escusón coas armas de Portugal, e o segundo coas armas do I Duque de Montemar, tamén coroaba unha estatua de Santa Bárbara. No mesmo documento detállase o estado tras o ataque Inglés de 1719:
Como "Cuartel de Santo Domingo de Pontevedra" no ministerio de Defensa figura un plano de Juan María Vesteiro, do 24 de xullo de 1847, do corpo de Enxeñeiros levantado con Reciptángulo[18] no que nas súas fachadas noroeste e sueste ten dúas plantas.
En 1861 nun plano do deliniante Pedro Alonso para o Corpo de Enxeñeiros do Exército, móstranse as construcións do cuartel existentes no momento, indicando as fachadas noroeste e sueste, e do proxecto de ampliación de 1860 para as dúas caras restantes.
Como "Cuartel de San Fernando", no ministerio de Defensa gárdanse os planos do proxecto que en xaneiro de 1884 se realizou por parte de Gerardo Morales (da Comandancia Xeral de Subinspección de Enxeñeiros de Galicia). Nese mesmo plano indícase que o mesmo foi rectificado segundo as obras executadas para mostrar o estado real do mesmo o 18 de xuño de 1884 polo enxeñeiro comandante Antonio Peláez de Campomanes. Amósase un edificio de dúas plantas na súa cara Sueste, sendo o resto de planta baixa.
Como "Cuartel de artillería de Pontevedra" o capitán de enxeñeiros Juan Romero Molezún a finais do século XIX presentou un proxecto moito máis ambicioso nunha perspectiva do mesmo. A fachada sería moi similar á definitiva, mais sen balcón e cunha terceira altura.
En 1848 na obra Descripción Geográfica, Estadística, Económica e Histórica de la Ciudad capital de Pontevedra de Claudio González Zúñiga, descríbeo da seguinte forma:
O actual cuartel de San FernandoNo último terzo do século XIX o cuartel estaba en estado bastante ruinoso e decidiuse demolelo para construír un novo edificio para albergar unha guarnición maior. En 1889 o concello solicitou unha subvención estatal de 200.000 pesetas para a construción dun terceiro cuartel pero non foi ata finais do século XIX cando por intermediación do Marqués de Riestra (que anticipou 15.000 pesetas) se obtivo a aprobación do goberno. O edificio proxectouno o enxeñeiro militar Bonifacio Menéndez Conde, quen conservou unha estrutura similar ao cuartel anterior aínda que se ampliou a altura e aumentou o perímetro.[20] En setembro de 1903 anunciouse a construción do novo cuartel e a poxa das obras por 800.000 pesetas grazas ás xestións do ministro de Facenda Augusto González Besada.[21] O vello cuartel quedou desaloxado en abril de 1904.[22] O 1 de xullo de 1905 o Ministerio da Guerra publicou na Gaceta de Madrid a poxa pública para contratar a demolición, explanación e construción do cuartel de San Fernando, poxa fixada para o 10 de agosto.[23] A principios de setembro de 1905 adxudicouse a obra ao contratista da cidade Manuel Vázquez Gil.[24] O 14 de decembro dese ano acudiron á cidade os enxeñeiros militares responsables para realizar o trazado de planta do cuartel.[25] En febreiro de 1906 empezaron as obras de cantaría do novo cuartel.[26] En outubro de 1908 encargouse a inspección das obras de construción ao enxeñeiro Bonifacio Menéndez-Conde Riego[27][28] e en novembro foron supervisadas in situ por Menéndez Conde e o seu superior Félix Casuso Solano.[29] As obras do cuartel de San Fernando duraron 3 anos e finalizaron en marzo de 1909.[30] O cuartel custou máis de 600.000 pesetas e foi entregado ás autoridades militares nun acto celebrado o 14 de agosto de 1909.[31][1] O 21 de agosto empezou o traslado de oficinas ao novo cuartel.[32] En setembro aprobouse o proxecto para o abastecemento de auga,[33] cuxa instalación inspeccionou Daniel de la Sota[34] e en outubro de 1909 asignouse o orzamento para tal fin.[35] Fronte á fachada do novo edificio, redeseñouse o Campo del Conde de la Peña del Moro, engadindo árbores e xardíns e unha rúa á entrada do cuartel. O canellón transversal da Maestranza tamén foi remodelado en 1911, co nome de rúa Xeneral Martitegui, tras a derriba dalgunhas casas.[36] No século XX, entre as súas funcións militares, o cuartel albergou a Compañía de Policía Militar nº 83 e a Unidade de Parques e Talleres.[5] O abandono definitivo do cuartel por parte dos militares tivo lugar o 15 de decembro de 1992[37] nunha cerimonia protocolaria militar celebrada no gran patio interior do edificio, en presenza de todas as autoridades locais. O inmoble pasou a mans do Concello de Pontevedra, que o cedeu temporalmente á Facultade de Belas Artes. O proxecto de reforma redactouse en 1993[38] da man dos arquitectos César Portela e Jaime Rodríguez Abilleira. A remodelación foi complexa, xa que transformou un cuartel pechado nun espazo aberto e luminoso para o ensino artístico.[39] No proceso de reforma incorporouse a rúa Maestranza como plataforma peonil de acceso ao edificio. Entre decembro de 1994 e xaneiro de 1995 concluíu a reforma do edificio destinado a albergar a Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O 15 de decembro de 1994 empezou a instalarse nel a facultade.[40] DescriciónTrátase dun grande edificio rectangular de estilo neoclásico. Ten planta baixa e dous pisos, con fiestras rectangulares, antepeitos balconeiros e lumieiras formando orelleiras, típicas de finais do século XIX en Pontevedra.[41] A parte central da fachada que determina o carácter institucional do edificio, onde se atopa a porta de entrada, o zócolo, os antepeitos dos balcóns, os linteis das xanelas e portas, as pilastras e as cornixas son de granito e o resto do muro de cachotaría concertada. A fachada está coroada na parte superior por un frontón circular rematado por unha forma vexetal (que servía na súa orixe de soporte para a bandeira), no que tamén figura o escudo de armas de España en granito. Destaca a total simetría e continuidade das múltiples ventás ao longo das fachadas que favorecen un interior luminoso.[1] Na fachada leste e no amplo patio central os marcos de pedra das fiestras son simples, sen decoración. Durante a renovación exterior da fachada en 1994, recuperouse o recebado dos muros nos que a cachotaría era visible e aplicóuselle a cor goiabeira.[42] No marco desta reforma, o arquitecto César Portela tamén optou pola cor verde para as xanelas e portas.[37] Dentro do edificio, destaca o gran patio de armas central cunhas medidas orixinais de 84 metros de longo por 40 metros de ancho.[1] Tras a remodelación de 1995, transformouse en claustro e xardín con chopos, tamarindos e vexetación baixa conservando o seu carácter de espazo central. Dotouse dun corpo ou anel perimetral de circulación, en forma de galería acristalada diáfana e lixeira, e introduciuse no seu interior un pavillón ou estancia cúbica de planta cadrada, tamén acristalada, que contén os grandes talleres modulares de escultura, debuxo e pintura.[43] Tamén se creou unha nova planta baixo o tellado do edificio existente para albergar a biblioteca, un centro de documentación e información e outros talleres, todo con iluminación cenital. Galería
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Ligazóns externas
Information related to Cuartel de San Fernando de Pontevedra |