As eleccións ao Parlamento de Galicia son as eleccións autonómicas nas que os cidadáns de Galicia elixen os membros do Parlamento de Galicia. O Parlamento de Galicia está composto por setenta e cinco parlamentarios. As últimas eleccións ao Parlamento de Galicia celebráronse en 2024.
Sistema electoral
O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 estabelece que os membros do Parlamento de Galicia son elixidos mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto.[1] Tamén estabelece que o Parlamento debe estar composto por un mínimo de sesenta deputados e un máximo de oitenta.[2] A Lei Electoral de Galicia estabelece a súa composición en setenta e cinco deputados.[3] Os parlamentarios elíxense mediante escrutinio proporcional plurinominal con listas pechadas en cada circunscrición electoral.
As circunscricións electorais do Parlamento de Galicia correspóndense coas catro provincias galegas.[1] A cada provincia correspóndelle un mínimo inicial de dez deputados. Os trinta e cinco deputados restantes distribúense entre as provincias en proporción á súa poboación.[3] Así, nas eleccións de 2016 a repartición foi o seguinte:
25 deputados á Coruña, 14 a Lugo, 14 a Ourense e 22 a Pontevedra.[4] A asignación de escanos ás listas electorais faise mediante o método D'Hondt.[5] A barreira electoral é do 5% dos votos válidos da circunscrición.[5]
Dende a reforma da LOREG de 2007, nas eleccións autonómicas de todas as comunidades autónomas as candidaturas deben presentar listas electorais cunha composición equilibrada de homes e mulleres, de forma que cada sexo supoña cando menos o 40% da lista.[6] Esta reforma foi recorrida polo Grupo Parlamentario Popular do Congreso dos Deputados perante o Tribunal Constitucional, que en 2008 concluíu que a reforma si era constitucional.[7]
No Parlamento de Galicia sentan 75 deputados e deputadas (71 nas dúas primeiras lexislaturas). A maioría absoluta son 38 deputados e deputadas (36 nas dúas primeiras lexislaturas).