Ingmar Bergman
Ingmar Bergman (pronunciado en sueco: 'ɪŋmar 'bærjman (axuda · info)), nado en Uppsala o 14 de xullo de 1918 e finado en Fårö o 30 de xullo de 2007, foi un recoñecido director de cine e dramaturgo sueco. É considerado unha das personalidades máis eminentes e influentes da cinematografía mundial.[1] Dirixiu máis de sesenta películas e documentais para a televisión e o cine, os guións dos cales tamén escribía, e dirixiu unhas cento setenta obras de teatro. Na súa compañía de actores atópanse Harriet Andersson, Liv Ullmann, Gunnar Björnstrand, Bibi Andersson, Erland Josephson, Ingrid Thulin e Max von Sydow. Gran parte das súas películas foron rodadas en Suecia, moitas delas, a partir de Como nun espello (1961) en adiante foron filmadas na illa de Fårö. O seu traballo lígase en moitas ocasións á morte e a enfermidade, a existencia de Deus, a muller mailo seu rol na sociedade, a exaltación da xuventude ou o valor da sinxeleza. Tamén a fe, a traizón e a tolemia. As súas dúas paixóns foron o teatro e mailo cine. Por esta última foi recoñecido mundialmente até que en 1983 se retirou (aínda que non definitivamente) da dirección cinematográfica con Fanny e Alexander (3 premios Óscar). Dende entón colaborou en guións e sobre todo escribiu ensaio máis ou menos autobiográficos: Imaxes ou Lanterna Máxica, entre outras. Ingmar estivo activo durante máis de seis décadas. En 1976 a súa carreira viuse seriamente ameazada coma resultado dunha investigación por evasión de impostos. Indignado, Bergman suspendeu algunhas producións pendentes, pechou os seus estudos, e marchou a un exilio autoimposto en Alemaña durante oito anos. En 1965 foi galardoado co Premio Erasmus.[2] No ano 1997 o Festival Internacional de Cine de Cannes, que celebraba o seu 50 aniversario, concedeulle a Palma das Palmas, unha "Palma de honor" só outorgada naquela ocasión, que lle entregaron todos os galardoados até entón coa Palma de Ouro que se puideron reunir en Cannes.[3] TraxectoriaOrixe e primeiras experienciasNado en Uppsala en 1918, nun convento protestante, o seu pai, Erik, era un pastor luterano duro e severo de fortísima personalidade, e de Karin Åkerblom, filla dunha familia acomodada de Estocolmo. Ingmar é o segundo dunha familia de tres fillos: un irmán máis vello, Dag e unha irmá máis nova, Margareta, que chega ao mundo catro anos máis tarde. Ingmar viviu a súa infancia seguindo os desprazamentos do seu pai, por quen foi educado consonte os conceptos luteranos de "pecado, confesión, castigo, perdón e graza", temas que logo serán recorrentes nos seus filmes. O pai comezou o seu ministerio pastoral no hospital de Uppsala, e despois foi nomeado pastor da igrexa Hedvig Eleonora en Estocolmo e, finalmente, cura da corte real. Era recoñecido como un excelente orador, mais tiña un temperamento irritable, como explica Bergman na súa biografía: Non podiamos asubiar, non podiamos andar coas mans nos petos; de súpeto decidía repasar unha lección e se non a sabía castigábanos. Padecía moito de ouvido sensible... os ruídos fortes o exasperaban.[4] A figura do pai aparecerá en tres filmes: Fanny e Alexander (1982), Den goda viljan, de Bille August (1992) e Enskilda samtal, de Liv Ullmann (1996). En 1934, con 16 anos, Ingmar fixo unha estadía estival en Alemaña, na rexión de Turinxia, cas duns amigos da súa familia. Alemaña atópase daquela mergullado na tormenta nazi. A súa familia de acollida lévao a asistir a unha manifestación de Adolf Hitler nun estadio deportivo de Weimar.[5] Sen dúbida, demasiado novo para ter unha certa perspectiva, atópase galvanizado polo discurso do Führer. De volta a Suecia, o ambiente no que vive, esencialmente xermanófilo, está igualmente impregnado pola ideoloxía nazi. Na súa autobiografía A lanterna máxica escribiu sobre a súa visita a Alemaña, describindo como a familia alemá puxera un retrato de Hitler na parede xunto á súa cama e que "durante moitos anos estiven do lado de Hitler, encantado polo seu éxito e entristecido polas súas derrotas".[6] Bergman comentou que "Hitler era incriblemente carismático. Electrificaba á multitude... O nazismo que vin parecía divertido e xuvenil".[7] O seu irmán é un dos fundadores e membro activo do Partido Nacionalsocialista Sueco.[8] O trauma do descubrimento dos campos de exterminio levarao a distanciarse da política. De feito, Ingmar Bergman non é un autor comprometido e a súa obra carece de mensaxe política.[9] Máis tarde, novo aínda e contra a vontade dos proxenitores, que querían que fose sacerdote, marchou para Estocolmo en 1936. Logo de realizar os estudos superiores e o servizo militar, inscribiuse na Universidade de Estocolmo, onde frecuentou un curso de Historia da literatura (a súa tese versará sobre o dramaturgo Johan August Strindberg), iniciándose ao tempo no teatro estudantil e escribindo textos para algúns dramas. Como axudante de director, comeza tamén a traballar no Teatro da Ópera. Os primeiros filmes e o teatroNo 1943 Bergman casou con Else Fischer, bailarina e coreógrafa (con quen terá unha filla, a futura escritora Lena). É nesta época cando un manuscrito seu, Hets (Tormento, 1944) foi adquirido por Filmindustri e pasado a filme, so a dirección de Alf Sjoberg, con Bergman como asistente de dirección. Poucos meses despois desta primeira experiencia cinematográfica, foille proposto dirixir un filme sobre a comedia Moderhjertet ("A besta mai") de Leck Fischer. A pesar de que a película, lanzada despois co título Kris (1946), non tivera éxito, o produtor independente Lorens Marmsted ofreceríalle unha nova oportunidade; en 1946 xorde así Det regnar på vår kärlek. Nese mesmo ano decide trasladarse a Goteborg, onde é nomeado director xefe do teatro da cidade. Debuta con "Calígula" de Albert Camus e pon en escena moitos dos seus dramas. Grazas a confianza de Marmsted, Bergman puido realizar outros dous filmes: Skepp till Indialand e Musik i mörker (1947). A atención suscitada por este último traballo, anima a Svensk Filmindustri a encargarlle unha posta en escena ("A furia do pecado e Eva", dirixida por Gustaf Molander) e un filme (Hamnstad (1948)), mais o fracaso que recolle a película leva a un novo corte dos fondos. Foi de novo mercé á axuda de Lorens Marmstedt que Bergman realizará Fängelse (1949), primeira obra importante na súa carreira. Entre mentres sepárase da súa muller Else, casando con Ellen Lundstrom; en 1951 inicia relacións coa xornalista Gun Hagberg que acabará por ser a nova esposa e que lle dará unha filla. Os primeiros éxitosNo 1950 Bergman acada o éxito con Sommarlek, que continúa en 1952 con Kvinnors väntan. No 1953 Sommaren med Monika provoca un escándalo , a causa da atrevida sensualidade da actriz Harriet Andersson, naquela altura unha moza de vinte anos, e coa cal Bergman mantivo relacións. Tornarase con nove filmes unha das actrices preferidas de Bergman despois de Bibi Andersson (once filmes). Logo realiza as películas Gycklarnas afton, (1953), e En lektion i kärlek, (1954), dúas comedias sobre situacións sentimentais e humanas, con Andersson como protagonista. No 1953 comeza a traballar no Stadsteater (Teatro cidadán) de Malmö, no que coñece un grupo de actores que acadarán presenza fixa nos seus filmes: Gunnel Lindblom, Max von Sydow, Ingrid Thulin, e Bibi Andersson. No 1955 realiza Kvinnodröm, unha comedia mediocre, e Sommarnattens leende, o seu primeiro éxito de alcance europeo, que resultará premiado no Festival di Cannes. O éxito internacionalEn 1956 Bergman termina O sétimo selo que obtén varios galardóns, entre outros o premio especial do Festival de Cannes; logo o Oso de Ouro no Festival de Berlín e o premio da crítica no Festival de Venecia por Amorodos salvaxes. Logo Nära livet e Ansiktet reciben o premio como mellor dirección en Cannes e Venecia, mentres en 1960 Jungfrukällan válelle obter o seu primeiro Oscar. No 1959 casa por cuarta vez, coa pianista Kabi Laretei. Nestes anos traballo tamén na neonata televisión sueca, realizando: Venetianskan, (1958), Rabies (1959), e Ovader (1960). En 1961 é director do teatro dramático de Estocolmo e realiza Como nun espello, primeiro capítulo dunha discutida triloxía relixiosa: o filme recibe un Oscar como mellor película en lingua non inglesa. Segue con Nattvardsgästerna (1962), que é premiado en Berlín e Viena; Ett Dromspel (1963), telefilme, e Tystnaden (1963), un dos seus traballos que provocaron máis escándalo. No 1964, afectado por unha grave depresión, escribe Persona e inicia relacións coa actriz norueguesa Liv Ullmann, coa que ten a Linn (1966). No 1965 realizará a miniserie televisiva Don Juan, e outras rodaxes para TV, mais pouco exitosas porque son profundamente dramáticas, tal "Daniel", episodio do telefilme Stimulantia (1967). A un ritmo dun filme por ano, serán realizados Vargtimmen (1966), case un filme de terror; o telefilm Riten (1967); a película de guerra Skammen (1968), e o grotesco Paixón (1969). Terminado o amor por Liv Ullmann, en 1974, casa de novo con Ingrid von Rosen no 1975, coa que formou matrimonio ata a morte dela en 1995: terán un fillo, Daniel, que seguirá os seus pasos facendo carreira artística como director, como os seus sete medio irmáns (moitos dos cales son actores). Os anos 1970No 1971 realiza Beröringen, que resulta un fiasco clamoroso, póndoo en dificultades económicas, que se resolverán mercé o inesperado éxito mundial de Viskningar och rop (1972), obra que gaña numerosos premios. No ano seguinte roda Scener ur ett äktenskap, nado como teleserie e transformado despois nun filme de case tres horas. Grava logo o telefilme Misántropos (1974), inspirado na obra de Molière; o dramma psicolóxico Cara a cara (1976) e a película de terror Das Schlangenei (1977). Nese mesmo ano sofre unha crise por problemas con Facenda e ten que ser internado nun hospital psiquiátrico. Retírase á illa de Faro, onde permanecerá moitos anos. Dedícase con exclusividade ao cine, realizando Höstsonaten (1978), con Ingrid Bergman. Para a televisión alemá produce Aus dem Leben der Marionetten (1980). Os últimos anosNo 2000 rodou para TV Bildmakarna ("O realizador de imaxes"), que recolle a historia de Victor Sjöström, o gran mestre sueco, ambientada en 1921, cando debe rodar un dos seus filmes máis famosos Körkarlen. Proseguiu a súa actividade teatral, con Trollflöjten, adaptación da ópera mozartiana Die Zauberflöte, obra única na súa filmografía, cunha forte óptica fascinante. En 2002, publica o volume "Imaxes", con fotografías da súa infancia. En 2003 rodou Saraband, continuación de cener ur ett äktenskap, financiada por catro televisións europeas e gravada en formato dixital. Dela Bergman comentou: "Este é o meu derradeiro filme". Escribiu na súa autobiografía, titulada " A lanterna magica": "En realidade, eu vivo sempre nos meus soños, e de cando en vez fago unha visita ao mundo real". O 20 de xaneiro de 2005 Bergman recibiu o Premio Federico Fellini pola súa saliencia cinematográfica. Filmografía
ColaboradoresBergman traballou en numerosos filmes cos mesmos actores; entre estes destacan os que o acompañaron ao longo de toda a súa carreira, que foron Gunnar Björnstrand, Ingrid Thulin, Max Von Sydow, Bibi Andersson, Liv Ullmann, Harriet Andersson, Erland Josephson, Eva Dahlbeck e Gunnel Lindblom. Ademais deste grupo de actores e actrices, dende inicios da década de 1950, máis precisamente dende Kvinnors väntan (1953), Bergman tivo case como membro do seu equipo de rodaxe o fotógrafo Sven Nykvist, quen obtivo varios premios coas obras dirixidas por Bergman, entre os que destacan dous Óscar da Academia de Hollywood pola fotografía de Viskningar och rop (1972) e de Fanny e Alexander. O froito desa colaboración con Bergman lanzou a carreira internacional de Nykvist. Lista de filmes favoritosBergman seleccionou unha lista dos seus once filmes favoritos no Festival de Cine de Göteborg en 1994.[12] Non ten unha orde de prioridade:
Notas
Véxase tamén
|