Sardiña
A sardiña, Sardina pilchardus (Walbaum, 1792), é un peixe osteíctio mariño da familia dos clupeidos, dentro da orde dos clupeiformes, sendo o único representante do xénero Sardina. Cando as sardiñas son pequenas denomínanse xoubas nas Rías Baixas (máis ou menos, de Fisterra para abaixo),[3] e parrochas nas Rías Altas (máis ou menos, de Fisterra para arriba). A sardiña captúrase con artes de cerco e de enmalle ou deriva (como o xeito), durante a noite, e destínase a consumo en fresco, afumada, salgada ou en conserva. Abunda en todas as costas españolas e foi precisamente a riqueza en sardiña das augas galegas no que se baseou a industria conserveira galega, iniciada na segunda metade do século XVIII polos chamados fomentadores da pesca cataláns,[4][5] e hoxe diversificada noutras especies de peixes e moluscos. CaracterísticasAs principais características definitorias da sardiña son as seguintes:[6][7][8][9]
Son especies semellantes á sardiña o arenque (Clupea harengus), a alacha (Sardinella aurita) e o trancho (Sprattus sprattus). Hábitat e bioloxíaA sardiña distribúese polo Atlántico leste, desde Islandia e o sur de Noruega e Suecia, polo norte, até as costas do nordeste africano, ata Senegal, polo sur, pasando polas illas Azores e as de Cabo Verde, e internándose polo Mediterráneo ata o mar Negro.[10] Son menos abundantes nas costas máis setentrionais.[6][9] É un peixe peláxico, gregario, que forma grandes cardumes ou mansíos en augas costeiras, por riba dos 50 metros de profundidade, buscando sempre as augas máis cálidas e salgadas,[6] migrando cara ao norte en verán e cara ao sur en inverno,[7][9] alimentando importantes pescarías. Aliméntase principalmente de zooplancto (como pequenos crustáceos e ovos e larvas de peixes).[7][8][9] A época da reprodución é durante a primavera e o verán, dependendo da temperatura da auga,[7][8] en mar aberto ou preto da costa. Na parte meridional do mar do Norte a desova ten lugar desde xuño ata agosto, no canal da Mancha en abril, en Galicia e Portugal de febreiro a abril, e no Mediterráneo desde setembro ata maio.[9] As femias producen de 50 000 a 60 000 ovos, e de 1,5 mm de diámetro, que eclosionan ao cabo de 2 a 4 días, e as larvas miden, cando nacen, uns 4 mm.[9] O nome científicoEtimoloxíaO nome do xénero, Sardina, deriva do latín tardío sardina, diminutivo de sarda (nome co que se coñecía a especie Sarda sarda, o bonito alistado), termos probablemente de orixe grega: σάρδη sárdē, σαρδήνη sardénē, σαρδῖνος sardĩnos. Tradicionalmente asóciase o termo coa illa mediterránea de Sardeña (en latín Sardinia, en grego antigo Σαρδώ Sardó), cerca da que probablemente se capturarían estes peixes, o que resulta historicamente bastante inverosímil: segundo Klein «é moi pouco probable que os antigos gregos pescaran tan lonxe de onde vivían daquela, en tempos de Aristóteles, de quen Ateneo cita unha pasaxe na que o filósofo fala do peixe σαρδῖνος sardĩnos».[11] Por iso outros etimoloxistas pensan que máis ben derive do latín tardío (lapis) sardinus, a "(pedra de) Sardes", do grego σάρδινος (λίθος) sárdinos (líthos), unha variedade de cor vermella alaranxada da calcedonia, similar pero máis escura que a cornalina, talvez de Sardes (en grego Σάρδεις ou Σάρδις), capital do reino de Lidia, en Asia Menor.[12] En canto á orixe do epíteto específico, pilchardus, ten menos dúbida: obviamente deriva do inglés pilchard, "sardiña". Primeiro nomeO primeiro nome científico da sardiña débese ao famoso ilustrado galego Joseph Cornide que, en 1788, lle deu o de Arengus minor. Porén, e a pesar de que asegura no título da súa monografía Ensayo de una historia de los peces (...) o libro estaba arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo, Cornide non segue sempre a Linneo no tocante á nomenclatura binomial que establecera algúns anos antes o afamado médico e botánico sueco, xa que Arengus minor aparece só na páxina 244, dentro do segundo índice, onde dá os nomes galegos das especies descritas (por certo, para el esta se denominaría sardina, en castelán), mentres que na parte descritiva (páxinas 91-92) o peixe figura con nome prelinneano de Arengus minor maxîllis æqualibus (algo así como "arenque pequeno cos maxilares iguais").[13] Seguramente por iso a comunidade científica recoñeceu como descritor da especie ao alemán Walbaum, que o fixo catro anos máis tarde.[14] e poucos son os autores que hoxe en día recoñecen nome cornidiano, que foi declarado obsoleto polos expertos, como sinónimo (só, entre a bibliofgrafía consultada, fano o francés Bauchot,[6] e o World Register of Marine Species[2]). Cambios do nomeDespois do nome de Cornide, a especie foi coñecida durante moito tempo como Clupea pilchardus, un dos nomes empregados por Walbaum (tamén usou os de Alosa pilchardus e Clupea harengus pilchardus, como subespecie do arenque). Polo tanto, vemos que o introdutor do nome específico pilchardus foi este autor. Pero en 1904 o ictiólogo e ecólogo romanés Grigore Antipa describiu unha nova especie de peixe, para a que creou un novo xénero, Sardina, denominándoa Sardina dobrogica (é dicir, a "sardiña da Dobruxa"). Máis tarde, os especialistas comprobaron que se trataba da mesma especie que a Clupea pilchardus descrita por Walbaum en 1792, así que o seu nome pasou a ser Sardina pilchardus (Walbaum, 1792), a nosa popular sardiña. Como vemos, o novo xénero, diferenciado de Clupea, mantívose. SubespeciesAlgúns autores recoñecen dúas subespecies:[6]
Outras sardiñasNa bibliografía internacional, sobre todo na castelá, co nome de sardina, e na inglesa co de sardine ou o de pilchard, poden designar a diferentes especies de peixes da familia dos clupeidos, estreitamente emparentados coas verdadeiras sardiñas, o que pode ocasionar non poucas confusións.[15] En inglés, sardine ou pilchard son os nomes comúns usados para referirse a varios peixes pequenos, graxos, semellantes ao arenque. Porén, os termos sardine e pilchard non son precisos, e o que significan depende da rexión. A Sea Fish Industry Authority do Reino Unido, por exemplo, cualifica como sardines ás pichards xuvenís (é dicir, ás xoubas). Un criterio suxire que os peixes de tamaño menor a 6 polgadas (15 centímetros) son sardines e os máis grandes, pilchards.[16] O FAO/ WHO, Código normalizado para as sardiñas enlatadas, cita 21 especies que poden ser clasificadas como sardiñas;[17] FishBase, unha completa base de datos sobre peixes, chama "pilchards" a seis especies, e a máis dunha ducia "sardines". A continuación relaciónanse as principais especies que adoitan coñecerse en moitas publicacións como sardiñas.[18] (Nota: os nomes galegos apuntados son os propostos por Lahuerta e Vázquez.[19]
Pesca e usosPescaA sardiña péscase desde moi antigo, pero ao ser a súa carne delicada e soportar mal o transporte, a súa pesca non adquiriu verdadeira importancia comercial ata despois de comercializarse conservada en latas.[6] Mesmo en moitos lugares, como en Galicia, considerábase antigamente como comida de pobres, a pesar de que para algúns consumidores da burguesía as chamadas sardiñas do tabal (salgadas, afumadas e prensadas en barrís de madeira —tabais—, como os arenques nos países nórdicos) eran un bocado exquisito, comparable ao mellor xamón. Hoxe en día, coa modernización dos sistemas de transporte, as sardiñas consómense (especialmente no verán) en fresco, e todo o ano afumadas, salgadas ou en conserva. Péscanse con diversas artes, de deriva e de cerco, e tamén con traíñas, atríadas ou non, pola noite, con luces (como adoita facerse no Mediterráneo), ou e día, engadadas, ou non, con míllaras, xeralmente de bacallau, nas zonas onde se pesca esta última especie.[6][9] As capturas anuais en Europa flutúan, pero nalgúns períodos foron de ata un millón de toneladas, sendo as principais costas onde se extrae as de Marrocos e España.[9] En canto as capturas mundiais de sardiñas, ver o gráfico arriba. Uso culinarioConsómese tanto en fresco como en conserva, con numerosas formas de preparación na cociña. É un peixe azul por excelencia, con niveis de graxa en torno ó 6,3% ou máis no seu mellor momento, proporcionando unhas 134 calorías por 100 gramos. Pola súa riqueza en ácidos omega-3, considérase un "protector" do corazón, en contra da crenza hoxe superada de que, por ser peixe graxo, incrementaba o colesterol. Tamén resulta especialmente rico en vitamina B12. As xoubas fritas ou as sardiñas e as xoubas en conserva (denominadas nas latas sardinillas), polo feito de comérense enteiras, coa espiña, constitúen unha interesante fonte de calcio e fósforo.[22] No caso das conservas, baixo a denominación sardina podían enlatarse diversas especies próximas. Pero desde o ano 2003, un Regulamento europeo[23] obriga a etiquetar como "conservas de sardiñas" só as elaboradas a partir da especie Sardina pilchardus, e como "conservas de produtos tipo sardiña" as elaboradas a partir doutras especies como:
En GaliciaReferencias da súa presenzaO primeiro rexistro da presenza da sardiña nas nosas augas foi, como quedou dito, a de Cornide en 1788, como Arengus minor. No primeiro terzo do século XX citárona de Buen (1919, 1925) e Ducloux en de Buen (1919), como Clupea pilchardus, e de Buen (1929, 1935) como Arengus pilchardus. Nos dous últimos terzos do século pasado, e xa como Sardina pilchardus, foi rexistrada por numerosos autores.[24] PescaEn Galicia, as capturas de sardiña concéntranse nos meses do verán (cando están máis gordas e teñen máis graxa, e alcanzan cifras comprendidas, segundo os anos, entre 1,7 e case 2 millóns de quilogramos (datos de xuño a outubro) para descender bruscamente a cifras de 200 000 a 400 000 kg entre decembro e febreiro. A cifra total anual foi de 13 828 968 kg no ano 2009. O tamaño mínimo legal para a súa captura é de 11 centímetros.[25] Festas gastronómicas
O verán é o tempo das sardiñadas e, probablemente, en todas as vilas costeiras pódense degustar sardiñas asadas (á grella ou á prancha). Mesmo hai portos pesqueiros nos que case toda a súa actividade céntrase na pesca desta especie.[7] E numerosos concellos introduciron este peixe nas súas festas gastronómicas, das que as seguintes son só unha mostra:
A sardiña na cultura popular galega
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigosLigazóns externas
|