América Central
América Central ( pronunciación (axuda · info)), tamén chamada Centroamérica, é unha rexión que se atopa no extremo sur de América do Norte e que ás veces é definido como un subcontinente de América.[1] Esta rexión limita con México polo norte, Colombia polo sueste, o mar Caribe polo leste e o océano Pacífico polo oeste e o sur. América Central componse de sete países: Belize, Costa Rica, O Salvador, Guatemala, Honduras, Nicaragua e Panamá. A poboación combinada de América Central estímase entre 41 739 000 (estimacións de 2009)[2] e 42 688 190 (estimacións de 2012).[3] América Central forma parte do punto quente de biodiversidade de Mesoamérica, que se estende dende o norte de Guatemala até o centro de Panamá. Por mor da presenza de diversas fallas xeolóxicas activas e do arco volcánico centroamericano, existe unha grande actividade sísmica na rexión, como erupcións volcánicas e terremotos, que resultaron en mortes, feridos e danos á propiedade. Na era precolombiana, América Central estaba habitada por pobos indíxenas de Mesoamérica no norte e no oeste e por pobos do istmo colombiano no sur e no leste. Despois das viaxes da expedición de Cristovo Colón a América, España comezou a colonizar América. Dende 1609 até 1821, a maioría dos territorios de América Central (agás os dos futuros Belize e Panamá, e incluíndo o moderno estado mexicano de Chiapas) estaban gobernados polo vicerreinado de Nova España dende Cidade de México como Capitanía Xeneral de Guatemala. O 24 de agosto de 1821, o vicerrei español Juan O'Donojú asinou os Tratados de Córdoba, que estabeleceron a independencia de Nova España respecto de España.[4] O 15 de setembro de 1821, promulgouse a Acta de Independencia de América Central para anunciar a separación de América Central do Imperio Español e prever o estabelecemento dun novo estado de América Central. Algunhas das provincias de Nova España na rexión de América Central (como as que se converterían en Guatemala, Honduras, O Salvador, Nicaragua e Costa Rica) foron anexionadas ó Primeiro Imperio Mexicano; porén, en 1823 separáronse de México para formar a República Federal de América Central, que durou até o ano 1838. En 1838, Nicaragua, Honduras, Costa Rica e Guatemala convertéronse nos primeiros estados de América Central en ser independentes, seguidos polo Salvador en 1841, Panamá en 1903 e Belize en 1981. Presúmese que estivo conectada co mar Mediterráneo na Era Paleozoica (225 – 570 m.a.), e separouse a medida que se formaba o océano Atlántico. A Fosa de Bartlett, entre Cuba e Xamaica ten 7.686 metros de profundidade. Fronte as costas de Belize encóntrase a segunda barreira de coral máis grande do mundo con 282 quilómetros. Notas
Véxase tamén
Outros artigos |