Casa da Moeda de West Point
A Casa da Moeda de West Point (en inglés: West Point Mint) é unha fábrica de moeda estadounidense establecida en 1937 como depósito de metais preciosos e convertida despois nunha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos. Localízase en West Point, Nova York, preto da Academia Militar dos EEUU.[1][2][3][4] Nalgún momento chegou a ter a maior concentración de prata de todas as casas de moeda do país. Durante 12 anos dedicouse principalmente á cuñaxe de moedas circulantes dun centavo, aínda que máis recentemente se ocupa case en exclusiva da fabricación de moedas conmemorativas e de investimento, así como á almacenaxe de ouro.[2][4][5] Aínda que o seu establecemento data de 1937 como depósito de metais preciosos (co nome de West Point Bullion Depository), non foi ata o 31 de marzo de 1988 cando se constituíu como unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos. As súas instalacións están incluídas no Rexistro Nacional de Lugares Históricos.[2][4][6] InstalaciónsAntes da súa remodelación de 2002, na que se lle engadiu un segundo andar ao edificio que duplicou a súa capacidade, a casa da moeda era unha estrutura de formigón armado cunha superficie de 4.000 metros cadrados e cunha cubrición plana, construída en 1937 segundo os deseños do arquitecto Louis A. Simon.[1] Os seus muros son sobrios e carentes de ornamentos, con algúns arcos nos accesos. Hai catro torres nas esquinas do edificio utilizadas para vixilancia. As instalacións están nun terreo de 1,6 hectáreas, con aparcadoiros para automóbiles a ambos os lados.[7][8] Historia das súas emisiónsSéculo XXLogo do seu establecemento en 1937, a planta serviu para o almacenamento de lingotes de prata. Xa a principios da década de 1980, as súas cámaras acoirazadas albergaban tamén arredor de 20.000 millóns de dólares en ouro.[9] Durante a segunda guerra mundial o establecemento tivo unha grande importancia grazas a un programa de 1942 mediante o cal lle facía préstamos de prata a outras institucións, como a Comisión da Enerxía Atómica, e tamén á industria e mesmo a outros países aliados.[1] Á parte deste labor de almacenaxe, mesmo antes da súa vinculación orgánica á Casa da Moeda dos EEUU, West Point emitiu algunhas moedas para a súa circulación no país. De feito, xa entre 1973 e 1986 produciu moedas dun centavo co busto do presidente Lincoln; estas cuñaxes carecían de marca de ceca, de maneira que non se podían diferenciar das procedentes da ceca de Filadelfia, da que West Point actuaba como ceca de apoio.[1] En 1976 encargouse tamén da cuñaxe de moedas dun cuarto de dólar conmemorativas do bicentenario da independencia dos Estados Unidos, para o que utilizou unhas novas prensas de maior capacidade de cuñaxe.[1] En setembro de 1983 apareceu por primeira vez nunha moeda de West Point a súa propia marca de ceca: a súa letra inicial "W". Tratábase da moeda de ouro de 10 dólares conmemorativa dos Xogos Olímpicos de 1984, a primeira moeda de ouro estadounidense de curso legal emitida desde 1933.[10] En 1986, West Point foi a única planta na que se produciu a serie de moedas de ouro de investimento coñecida como American Gold Eagle, novamente sen marca de ceca.[11] O 31 de marzo de 1988, o depósito de West Point (West Point Bullion Depository) reconverteuse nunha ceca formalmente recoñecida como unha das ramas da United States Mint.[1][12] A partir desta data continuaron as cuñaxes de series de moedas destinadas ao coleccionismo e ao investimento. Nos anos 90 comezou en West Point a emisión da serie de moedas de investimento en metais preciosos coñecida como American Silver Eagle, e en 1997 emitiuse a primeira moeda en platino en West Point, correspondente a esta serie.[1] En 1996 produciuse unha emisión pouco habitual na Casa da Moeda de West Point: unha moeda de 10 centavos (un dime) co busto de Roosvelt que conmemoraba o 50º aniversario do seu deseño e do comezo da emisión, en 1946. Esta moeda inseriuse nos xogos anuais que a ceca lles vendía aos coleccionistas, do que se produciron arredor de 1.457 millóns de exemplares. Xa que logo, esta moeda, que leva a marca de ceca "W", aínda que se fixo só para os coleccionistas, non ten unha escaseza particular.[13] En 2000 saíron da ceca de West Point as primeiras moedas bimetálicas; tratábase dunha emisión en ouro e platino conmemorativa da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, á que lle correspondeu unha parte dos beneficios da súa comercialización, como apoio aos programas divulgativos daquela institución.[14] Século XXIEn 2002, a veciña Academia Militar dos Estados Unidos de West Point celebrou o segundo centenario da súa fundación, feito que foi conmemorado pola casa da moeda coa emisión de moedas dun dólar de prata que amosaba uns gardas abandeirados no seu anverso e o casco de Atenea no seu reverso.[15] En 2014, cuñouse en West Point unha moeda de medio dólar co busto de Kennedy no anverso, tanto en prata como en ouro de 24 quilates, coa marca de ceca "W", para conmemorar o 50º aniversario do inicio da posta en circulación desta moeda.[16]En 2015, a ceca de West Point sumouse á cuñaxe de moedas circulantes dun dólar da serie Sacagawea, aínda que a produción se limitou a 90.000 exemplares.[17] Nese mesmo ano emitiuse unha nova dime e tamén un dólar, coa marca "W", como parte dun conxunto de tres moedas como apoio a unha campaña de saúde infantil denominada March of Dimes; esta emisión reduciuse unicamente a 75.000 xogos.[18] As primeiras moedas dun centavo que amosaron a marca de ceca "W" foron cuñadas en 2019, exclusivamente para incluír nas presentacións destinadas aos coleccionistas.[19][20] O 2 de abril de 2019 a Casa da Moeda dos Estados Unidos anunciou que se cuñarían en West Point 10 millóns de moedas de cuarto dólar destinadas á circulación, coa marca de ceca "W", co ánimo de estimular a afección polo coleccionismo.[1][21][22][23] A Casa da Moeda de West Point produce todas as series American Eagle de moedas de investimento, tanto en ouro como en prata, en platino e en paladio, así como algunhas moedas conmemorativas en prata e en ouro.[11] Ademais, desta ceca saen, coa marca de ceca "W", outras series conmemorativas e de investimento, como é o caso da serie American Buffalo, que se cuña alí desde 2006.[24] Nos últimos anos, as instalacións seguen a servir como depósito de lingotes de ouro, e a prata depositada alí non excede a cantidade da que se precisa para levar a cabo as cuñaxes que a ceca ten encomendadas. Debido á presenza de tanto ouro nos seus depósitos, a seguridade é moi alta e non se ofrecen visitas públicas.[2] Notas
Véxase tamén
Outros artigosLigazóns externas
|